CONFRONTATION
presentámosvos un wargame ao fin: CONFRONTATION
Este xogo de miniaturas saíu ao mercado alá polo 1996, para quen vos escribe a década dourada dos wargames, e desapareceu alá polo 2009 para tentar renacer no 2017.
Pero non estamos aquí para falar de historia dos xogos de mesa e wargames (iso xa tocará) se non para traervos un wargame de escaramuzas cunha mecánica de xogo diferente.
Ten todo-los puntos básicos dos xogos de escaramuzas con miniaturas:
Miniaturas de coleccionista preciosas 😍.
Regras sinxelas e que favorecían un xogo áxil 🎲.
Sinxelo de transporte, cunha mochila xa podes levar todo o que precisas 👜.
Menos espazo de xogo necesario en comparación cos xogos de miniaturas convencionais 🚀.
Evolución dos heroes a través das clásicas campañas dos xogos de escaramuzas 💪.
A mecánica de xogo é moi sinxela. Conformas a túa banda sumando os puntos de cada personaxe (indicado na súa carta) máis o custo dos obxectos que queiras incluír (se podes) ata chegar ao custo de banda estipulado para a partida (coma calquera wargame). Logo quedas con un amigo ou amiga que ten feito o mesmo coa súa banda (é importante conseguir con quen xogar, aínda que non fundamental... recoñézoo, teño xogado eu só 😅). Montades o escenario elixido para xogar, despregades (dos xogos máis sinxelos e xustos para isto dos que teño xogado) e listos para xogar.
Neste intre chega a parte máis bonita. Na terceira edición das regras deste xogo tes que ter para xogar unha carta por personaxe ou grupo (hai cartas que gobernan a máis dunha figura). Colles as túas cartas, as do teu opoñente e as barallades. Logo as deixades todas xuntiñas boca abaixo e ídelas levantado unha a unha. Por cada carta que levantedes activase esa figura ou grupo delas, de modo que non hai quendas separados para cada xogador, senón unha alternancia de figuras que van movendo e preparándose para as fases de disparar, lanzar feitizos e atacar en corpo a corpo. Por suposto podes ter a sorte (ou non) de que saian moitas das túas cartas de vez, neste punto entra a túa pericia no xogo para saber levar isto do mellor xeito.
Falemos agora de como chegaban ata nós estas figuras. Esta parte tamén é tremenda, a maioría da figuras vendíanse individualmente nos ben coñecidos blisters nos que se venden figuras de moitas marcas. Pero é que as figuras de Confrontation viñan cheas de cousas moi útiles para o xogo:
Viña a figura (que menos 😁).
As regras do xogo que lle afectaban a esta figura. Como o les, se a figura era un guerreiro viñan as regras completas do xogo para xogar con el, pero se ademais era mago pois o capítulo de maxia viña tamén. A única pena é que eu so encontrei estas regras en francés ou inglés. De todo-los xeitos ata o de agora son as únicas figuras que teño mercado coas regras incluídas.
Marcadores para leva-la conta dos puntos de vida (puntos non eran, máis ben fases de dano), se a figura estaba atordada, os puntos de maná ou mesmo algunha soleta por se tiña feitizos de área (incrible).
A devandita carta para poder xogar coa figura ou grupo de figuras 🃏.
No exemplo da fotografía podedes ver todo iso (sip, aínda teño algunha figura sen montar por casa 😓) con todo o que contiña. Ata vai uns anos aínda podíase atopar algunha figura a venda en tendas especializadas, pero agora xa non se encontran.
No ano 2017 tentaron lanzar de novo o xogo, aínda que polo que teño entendido todo quedou nunha serie de miniaturas de resina bastante caras. A empresa que lanzou este produto (Rackham) xa vai máis de 20 anos cometeu o erro de se meter a facer figuras prepintadas de plástico e cambiar as regras de xeito radical, por non falar dun xogo de corte futurista que pouco durou.
Supoño que non é mal exemplo para outras empresas de xogos de escaramuzas que buscan pasar o plástico... Non sei que terá o metal, algo máxico, especial. Poida que leven no seu frío peso algo da maxia que prometen convocar os magos que as representan.
🎲🎲🎲
Comentarios
Publicar un comentario