Paixón pola banda deseñada
Neste segundo ano do Club de Cómic da Biblioteca Pública Antonio Odriozola estamos achegando obras menos coñecidas para o público xeral na procura de escrutar mellor este noveno arte 📚
Obras nacionais, clásicos esquecidos do século pasado, historias mesturadas entre o máxico e o real. Neste segundo ano viaxamos cos nosos socios e socias polas páxinas de obras densas con personaxes conformados en múltiples capas.
Unha destas obras é O inferno do debuxante, de Kiko da Silva. Premio Castelao en 2014 é a obra máis curta deste ano. Pero ten un por que, forma parte da homenaxe que o autor brinda a todos os debuxantes que aparecen ao longo da historia. Unha historieta que cóntanos os periplos dun debuxante que nunca chega a tempo a presentar a súa gran idea. O formato cumpre co clásico europeo, en lonxitude e tamaño, para adaptarse ao recheo, a banda deseñada de grandes autores nacionais e internacionais.
Neste pequeno artigo aproveitaremos o símil no título e a idea para profundar un chisco e falar da banda deseñada en España na metade do século XX. Ese momento da España de posguerra na que as historietas acumulábanse en revistas periódicas que vendíanse por centos nos quioscos de todo o territorio. A maioría delas de humor, para un público xeral, do gusto da maioría dos españois e da censura da época. Outras tamén de aventuras, detectives e fantásticas, as menos.
Nesta época agroman nomes de publicacións coma TBO (1917-1998), Pulgarcito (1921-1986) e máis tarde Tío Vivo por un período de tan só tres anos (1957-1960). Esta revista nace da necesidade dos que máis tarde foron chamados os “cinco grandes” de Bruguera, debuxantes que querendo mellorar as súas condicións e tomar o control das súas creacións fundan a súa propia revisa. Deste momento histórico temos a banda deseñada de Paco Roca El invierno del dibujante como documento artístico.
Estes cinco creadores foron Escobar, creador de personaxes como Carpanta; Peñarroya, creador de Don Pío ou Gordito relleno e debuxante de moitas das portadas da revista; Conti co El loco Carioco; Cifré, debuxante de El repórter Tribulete e Giner, creador de El Inspector Dan de la Patrulla Volante, con un debuxo expresionista acorde coas súas historias de misterio e terror.
Tamén salientaron nesta época debuxantes coma Coll (debuxante de arquetipos), Donaz (todo un veterano) ou Arturo Moreno Salvador (o Walt Disney español) para máis tarde aparecer os famosos Ibáñez e Vázquez.
Estes dous últimos marcarían o cambio da historieta española para que todo seguira igual. Os dereitos das obras seguían a pertencer as editoriais que mantiñan o control sobre os personaxes, os debuxantes e as publicacións. Tal vez, suplir a ausencia dos cinco de Bruguera durante o seu periplo no Tío Vivo non axudara moito a crear o cambio. Crearon personaxes famosos como Anacleto ou Mortadelo que acompañaron a moitos de nós boa parte das nosas vidas. Dato interesante é saber que Ibáñez gañaba máis debuxando que como axudante de carteira de risco na banca, seica cambiaron os tempos.
Existe unha película que conta a vida de Vázquez (2010), tal vez máis baseada nas historias que contaba sobre a súa vida que o que foi en realidade. De Ibáñez o audiovisual máis interesante poida ser a película La gran aventura de Mortadelo y Filemón de Javier Fesser (2003).
Dicir tamén que Carlos Giménez nos anos oitenta publica Los Profesionales, unha obra na que examina a vida dos debuxantes dun xeito diferente a como anos máis tarde faría o citado Paco Roca, completando deste xeito a narrativa que mostra a vida da banda deseñada en España durante o século XX. queda agora descubrir o que está por vir, que pinta espléndido.
🎲🎲🎲
Comentarios
Publicar un comentario